15 nov 2012

2012. Libro do mes de novembro


LIBRO DO MES DE NOVEMBRO DE 2012 

DATOS DO LIBRO
AUTOR: J.  Peter Burkholder, Donald J. Grout, Claude V. Palisca
TÍTULO: Historia de la música occidental
CIDADE DE EDICIÓN: Madrid
EDITORIAL: Alianza Música
ANO: 2011 (8ª edición)             TRADUTOR: Gabriel Menéndez Torrellas
NÚMERO DE PÁXINAS: 1288

DATOS DO AUTOR

Donald Jay Grout (1902-1987) foi un musicólogo estadounidense da primeira xeración, que tivo unha grande influencia nos músicos europeos que emigraron ao novo continente tras a Segunda Guerra Mundial. Foi un membro activo de varias universidades e de sociedades de musicoloxía de todo o mundo, constituíndo un referente durante máis de medio século. Os seus traballos deixaron unha fonda pegada na historiografía da música, sendo un dos máis influíntes A History of Western Music de 1960, que se converteu nun auténtico manual reeditado en varias ocasións. Estas reedicións correron a cargo de autores coma Claude Palisca ou máis recentemente J. Peter Burkholder, cuxa edición é a que presentamos nesta ocasión.

BREVE RESUMO DO LIBRO

Este volume foi cualificado por críticos e expertos coma o mellor compendio do desenvolvemento da música no mundo occidental dende as civilizacións máis antigas ata os nosos días. A obra, que só esixe coñecementos elementais de terminoloxía musical e de harmonía, constitúe un modelo de erudición. Explora os estilos, compositores, xéneros e obras fundamentais, así coma a tensión entre tradición e innovación, que tamén abarca unha ampla variedade de xéneros relixiosos e seculares, serios e humorísticos, cultos e populares, de todo o mundo. O texto aparece ilustrado con abundantes exemplos musicais, cronoloxías, biografías, extractos de fontes orixinais, resumos, un glosario e un prego de mapas en cor. Toda unha ferramenta para afondar no coñecemento da música occidental e dos estilos que a cotío se interpretan no conservatorio.