26 feb 2016

Libro do mes de marzo 2016: Aires da terra




LIBRO DO MES DE MARZO DE 2016



AUTOR: José Luis Calle
TÍTULO: Aires da terra. La poesía musical de Galicia
EDITORIAL: José Luis Calle García
CIDADE: Pontevedra
ANO: 1993


Este libro aborda o estudo do primeiro coro galego, Aires d'a terra, que comezou ou seu periplo musical a finais do século XIX. Os primeiros traballos deste colectivo musical viron a luz a comezos do século XX, encentando un modelo de agrupación musical no que a recuperación da música do folclore galego e unha escenografía enxebre eran frecuentes. Neste estudo reúnense os materiais para o estudo deste innovador grupo. Pártese do seu contexto para afondar nas actividades do grupo e na súa estética, así como o coñecemento da figura do seu fundador, o boticario pontevedrés Perfecto Feijoo. Tamén se aborda a comparación entre este modelo interpretativo do coro e as súas realizacións posteriores a través do seu repertorio, da súa organoloxía e dos coros sucesores desta estética. O volume recolle documentos gráficos e manuscritos que ilustran as aportacións desta agrupación.



(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

3 feb 2016

Libro do mes de febreiro de 2016: Disonancias de Adorno


LIBRO DO MES DE FEBREIRO DE 2016




AUTOR: ADORNO, Theodor W.
TÍTULO: Disonancias. Introducción a la sociología de la música
EDITORIAL: Akal
CIDADE: Madrid
ANO: 2009


Este traballo acomete unha revisión crítica da socioloxía da música de Theodor W. Adorno, efectuada tras un achegamento a diversos factores biográficos, xuízos personais e premisas estéticas. As súas análises e especulacións poden supoñer un fructífero aporte á subdisciplina da socioloxía da música, especialmente cando se trata de comprender as dinámicas locais ou globais que afectan ás prácticas e á vida musical en torno á música clásica.

Podemos ler máis sobre unha síntese do libro en: http://www.scielo.org.mx/pdf/soc/v28n80/v28n80a4.pdf



(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

7 ene 2016

Libro do mes de xaneiro 2016: Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón


LIBRO DO MES DE XANEIRO DE 2016



AUTORA: LIAÑO PEDREIRA, Mª Dolores (catalogadora)
TÍTULO: Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón. Catálogo de partituras
EDITORIAL: Diputación Provincial de A Coruña CIDADE: A Coruña ANO: 2012



Este catálogo recolle o arquivo musical dun dos compositores máis destacados en Galicia durante a primeira metade do século XX, Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón (1886-1973). Este compositor compartiu a súa vida entre a música e a arquitectura, xa que exerceu como arquitecto provincial entre 1916 e 1956 na Coruña, onde residiu toda a súa vida. No catálogo descríbense as partituras manuscritas do compositor, orixinais, copias, primeiros borradores e anotacións dos documentos que se conservan no Arquivo Musical de Galicia, pertencente á Academia Galega de Belas Artes de Nuestra Señora del Rosario da Coruña.
O catálogo aborda as obras do compositor en varias seccións: obras para a escena, obras para piano, cancións, obras relixiosas para orquestra, música militar, borradores de obras sen identificar e arquivo documental. Ademais dos índices finais recóllense varias ilustracións nas que se poden observar algúns dos manuscritos do autor.




(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

6 nov 2015

Libro do mes de novembro

LIBRO DO MES DE NOVEMBRO 2015



AUTOR: M. Betés de Toro (compilador)
TÍTULO: Fundamentos de musicoterapia
EDITORIAL: Moralta CIDADE: Madrid ANO: 2000 NÚMERO DE PÁXINAS: 399




Este libro é un traballo de colaboración de numerosos autores co propósito de ofrecer unha visión o máis clara e completa posible sobre os aspectos básicos que fundamentan a Musicoterapia, entendida como a disciplina que estuda a música na prevención e tratamento de moitos trastornos. Neste senso, aborda a temática desde un punto de vista utilitario, é dicir, como remedio para curar, paliar ou evitar trastornos, tanto físicos como psíquicos. Trátase dun manual que xurdiu ao abeiro dos cursos de posgrao celebrados na Universidade de Alcalá de Henares, polo que se tratan diferentes cuestións dende unha perspectiva sistemática e científica.




(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

21 oct 2015

Libro do mes de outubro 2015



LIBRO DO MES DE OUTUBRO 2015



AUTOR: Matthew Rye- Luis Suñén
TÍTULO: 1001 discos de música clásica que hay que escuchar antes de morir
EDITORIAL: Grijalbo ANO: 2008 NÚMERO DE PÁXINAS: 960
TRADUTOR E ADAPTADOR: Luis Suñén




Este libro ofrece unha lista das mellores gravacións de música “clásica” da historia nun só volume, constituíndo unha obra crucial para entender e apreciar a música culta occidental. Nesta escolma aparecen reflectidos traballos desde os madrigais medievais ata algunhas das máis innovadoras composicións de artistas contemporáneos. A través de fichas detalladas, coas reproducións das cubertas dos discos, así como aquelas características máis reseñables de cada gravación, o libro vai facendo un percorrido cronolóxico pola historia da música. Esta discografía seleccionada por un equipo internacional de máis dunha vintena de críticos de música recolle un total de 1001 traballos de gravación de primeira calidade. Trátase dun volume moi interesante para se achegar á música clásica sen medo.




(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

12 oct 2015

Colabora no novo número da revisa do conservatorio

Xa podes enviar as túas propostas para o número 5 da revista En Solfado do Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Podes remitir os teus traballos en formato dixital a revista.ensolfado@gmail.com ou levalo á aula A24 en horario lectivo. 

Anímate!!